Ir o contido principal

A Xunta de Galicia licita a ampliación do Museo Massó de Bueu

Foto antiga das instalacións

O prazo para a presentación de ofertas remata o 27 de marzo.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades abre o prazo de licitación e adxudicación das obras de ampliación do Museo Massó de Bueu, cun presuposto de 1.117.143 euros e que contará co financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea (UE). As empresas interesadas en optar a este contrato teñen de prazo ata as 14.00 horas do próximo 27 de marzo para presentar as súas ofertas, tal como se recolle na plataforma de contratación Contratos Públicos de Galicia.

O Museo Massó atópase instalado nos edificios da antiga conserveira Massó Irmáns S.A., nas proximidades do porto de Bueu, na ría de Pontevedra, en pleno corazón da península do Morrazo. É unha institución de titularidade e xestión autonómica. O inmoble está formado por un conxunto de edificacións que se foron engadindo e que foron transformando a fábrica de salgadura orixinal co crecemento da empresa e coa fundación do propio museo no ano 1932: Almacén do Rei, Casa Mariñeira, Naves da antiga conserveira e Nave de Atadores.

Para garantir a conservación deste ben é fundamental mellorar as condicións museísticas dos distintos espazos da antiga conserveira e dos outros inmobles incorporados ao Museo Massó. Por tanto, é prioritaria a conservación das estruturas e os outros sistemas construtivos dos inmobles e construcións existentes no museo, moitos deles históricos e testemuño singular da industrialización da salgadura e a conserva. O obxectivo principal da intervención é mellorar as condición de uso do museo, pór en valor e incorporar ao museo os antigos espazos da antiga conserveira e salgadura e mellorar as condicións enerxéticas do edificio, abordando os seguintes aspectos:

  • Conservar e pór en valor os sistemas construtivos das edificacións existentes que forman parte do museo, moitas delas edificacións históricas, testemuño da industrialización da salgadura e da conserva e en especial das estruturas de madeira.
  • Recuperar o aspecto e os valores orixinais dos elementos singulares que se conservan.
  • Mellorar e acondicionar ambientalmente as edificacións, favorecendo a súa eficacia para reducir consumos enerxéticos.
  • Renovar e/ou dotar de sistemas de instalación de climatización e iluminación eficientes e respectuosos co medio ambiente co obxecto de reducir os consumos enerxéticos.
  • Mellorar as condicións de seguridade de utilización e accesibilidade e de seguridade de incendios existentes no edificio.
  • Resolver a relación urbana do museo cara a Praza Massó, mellorando o aspecto da fachada sur dos restos da antiga conserveira.

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus. O contrato obxecto de licitación está aliñado cos obxectivos expostos do Proxecto C24.I2.P3.1 incluído no PRTR para o período 2021-2023, dado que os obxectivos principais das actuacións no Museo Massó son a mellora das instalacións e dos servizos do museo no desempeño das súas funcións.

O prego de contratación establece que a empresa adxudicataria debe acreditar que conta entre o seu equipo técnico cun coordinador BIM (siglas en inglés de Building Information Modeling, unha metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión dun proxecto de construción cuxo obxectivo é centralizar toda a información nun modelo de información dixital), un arqueólogo e un historiador.

O prazo de execución previsto é de 6 meses e o financiamento dividirase en dúas anualidades: 865.786 euros no presente ano e os 250.000 euros restantes en 2024.