Ir o contido principal

Román Rodríguez agradece o "grande interese" do público na exposición da Xunta sobre Picasso

Presentación do catálogo da mostra

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradeceu o "grande interese" amosado polo público na exposición "Picasso. Branco no recordo azul", organizada pola Xunta de Galicia no Museo de Belas Artes, que vén de pechar as súas portas tras ser visitada por 50.000 persoas.

Durante a presentación do catálogo da mostra, na que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o titular de Cultura da Xunta subliñou a "oportunidade" que esta exposición supuxo nos últimos tres meses "para que os que descoñecían a importancia de Galicia na obra do artista máis universal do século XX descubrisen unha nova perspectiva creativa", indicou. "As máis de 600 visitas diarias de media durante os 82 días que estivo aberta, todos agás os luns, dan boa conta do interese que espertou esta cita", engadiu o conselleiro, que aproveitou para agradecer "o importante esforzo e atención por parte do persoal do museo" durante este tempo, incluídas todas as fins de semana e os festivos.

Tipoloxía de visitantes

Do total de visitantes, o 59% foron mulleres e o 41% homes. Ademais, atendéronse case 600 grupos de visitas guiadas -a metade deles grupos de escolares-, un 60% dos cales procedían da Coruña e da súa área metropolitana, mentres que o 40% do resto de Galicia, de España e do estranxeiro. A maiores, un total de 2.500 persoas participaron nas distintas actividades complementarias programadas, como conferencias, concertos, ciclos de cine e actividades infantís e familiares.

Neste sentido, Román Rodríguez referiuse á "ampla programación paralela" que permitiu dar a coñecer non só a etapa galega de Picasso e a influencia que esta tivo sobre a súa produción, senón que tamén descubrisen "o seu legado, a súa creatividade e o seu significado dun xeito innovador”, afirmou. 

Máis de 30 prestadores internacionais

Román Rodríguez agradeceu tamén o traballo dos comisarios Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira que, coa coordinación da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, fixeron posible este ambicioso proxecto, a única exposición galega no marco das celebracións oficiais do 50º aniversario da morte do artista que se converteu, ademais, no grande evento cultural do ano.

Fixo mención, ademais, a Telefónica como empresa colaboradora do programa en España e aos 35 prestadores internacionais e nacionais procedentes de coleccionistas privados ou institucións de distintas partes do mundo que colaboraron coa cesión dalgunha das máis de 120 pezas da mostra.

Román Rodríguez animou a continuar divulgando esta faceta de Picasso, para o que presentou o catálogo que xa está dispoñible e que recolle a ampla e diversa colección que foi parte da mostra. Trátase dun volume, dispoñible no propio museo e na Libraría Institucional da Xunta de Galicia, coordinado por Malén Gual e Rubén Ventureira, comisarios da exposición, e coa colaboración dos autores Antón Castro, Xosé Crisanto Gándara, Salvador Haro, Rafael Inglada, Reyes Jiménez, Pepe Karmel, Laurence Madeline, Elena Pardo, Johan Popelard, Aitor Quiney e Eduard Vallés.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne as administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.