Ir o contido principal

O Museo de Belas Artes da Coruña prorroga a mostra de Sorolla ata o 7 de abril tras recibir xa 17.000 visitas

O Museo de Belas Artes da Coruña prorroga a mostra de Sorolla ata o 7 de abril tras recibir xa 17.000 visitas

O Museo de Belas Artes da Coruña vén de ampliar a exposición "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia" debido a súa boa acollida desde a súa inauguración, o pasado 23 de novembro. Unha oportunidade máis para achegar a figura do artista ata despois da Semana Santa, pois a mostra estará dispoñible ata o 7 de abril.

O remate, que estaba previsto para o 10 de marzo, prorrógase un mes máis ante o éxito desta cita en conmemoración do centenario do falecemento do pintor, que xa recibiu máis de 17.000 visitas. Unhas cifras satisfactorias que favorecen o obxectivo da Xunta de Galicia de promover, difundir e poñer en valor a cultura.

Esta exposición reflicte a estadía de Joaquín Sorolla en Galicia, e complétase con obras dos artistas galegos cos que mantivo unha relación máis estreita como foron Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoira ou Jenaro Carrero. Acompañando á mostra, o Museo de Belas Artes presentou o catálogo que alberga dous ensaios: a presentación do proxecto "Sorolla. Viajar para pintar" e a explicación do contido da mostra, completándose coa relación catalográfica das preto de 70 obras que compoñen "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia".

Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración co Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla, continuará ofrecendo as visitas guiadas para o público en xeral. Realízanse os venres ás 18.30 horas e os sábados ás 18.00 horas, sendo a última das visitas o sábado 6 de abril. Os interesados en participar nesta actividade deberán reservar a súa praza a través da páxina web do museo.