Ir o contido principal

Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo

Creado en 1918, o MDCL, un dos máis antigos museos galegos, cumpriu un século de vida. Localizado desde 1995 na Catedral, o MDCL permite coñecer, percorrer e profundar no coñecemento da súa fábrica, ao estar aloxado nuns espazos únicos: o Claustro, a Sala Capitular e Antesala do Arquivo e o triforio catedralicio.

As diferentes modalidades de visita centralízanse na Recepción do Museo, localizada na fachada occidental da Catedral que conta con dobre acceso: exterior, Praza Pío XII; e interior, nave sur.

Colección permanente. O MDCL propón un itinerario en sete seccións expositivas.

Triforio
Nel centralízase a maior parte das seccións expositivas:

  • As orixes: un museo arqueolóxico, na que se presentan os restos arqueolóxicos desde as culturas peninsulares das grandes covas ata a irrupción de Roma en Galicia.
  • Gallaecia; A obra de Deus: dos símbolos ás palabras introdúcenos no primeiro cristianismo lucense e nos debates historiográficos, sendo pezas claves desta sección o  Crismón de Quiroga e os restos marmóreos do templo subterráneo de Santa Eulalia de Bóveda.
  • Do novo templo ao templo do Medievo fai unha breve parada nas pequenas e grandes fábricas medievais e presenta un espazo único, un balcón en altura aberto á principal nave da basílica, un centro de interpretación da fábrica catedralicia.
  • Da que Deus mamou leite do seu peito é unha alusión á Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa da Catedral, na que se pode admirar unha evolución da imaxinería mariana, do románico ao gótico.
  • Hoc hic Mysterium… achega, a través da ourivaría litúrxica, a historia da sede lucense.
  • Ad sanctos, a última sección do triforio catedralicio, aproxímanos á imaxinería relixiosa, ademais de ser un espazo excepcional para a contemplación do Altar Maior e do conxunto de pintura mural barroca que coroa a súa bóveda.

Sala  Capitular e Antesala do Arquivo

  • Ars Picta é a pinacoteca atesourada no MDCL, na que, xunto a nomes como Zacarías G. Velázquez ou Vicente López, atópanse outros como o de Asunción Crespo, miniaturista española do século XIX.

Claustro catedralicio. A ópera prima do grande arquitecto Fernando de Casas e Novoa. Ademais de admirar o claustro podemos ver unha colección de diversos elementos pétreos de distintas épocas.

Un paseo polas nubes. Unha viaxe ás cubertas da Catedral de Lugo. A visita ás cubertas permite unha ascensión graduada desde onde se poden obter magníficas panorámicas de Lugo e dos tres elementos máis importantes da cidade: a Catedral, o Camiño Primitivo e a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade.

https://www.catedraldelugo.es

MDCL Catedral de Lugo. Praza Pío XII, s/n
27001 , Lugo

Tlf. 683 166 703
catedraldelugo@artisplendore.com

Horario

Suspendidas as visitas temporalmente por COVID-19

Consulta os horarios en reapertura (maio de 2021)
De outubro a marzo
De luns a sábado de 10 a 18.00 ininterrompido
De abril a setembro
De luns a sábado de 10 a 19.00 ininterrompido


Tarifas

Visita Catedral + museo
Entrada xeral: 6 €
Reducida xubilados/as: 5,50 €
Estudantes ata os 25 anos: 5 €
Grupos: 3,50 € (obrigatorio o uso da nosa radioguía na visita)
Peregrinos/as: 4 €

Subida á torre "Un paseo polas nubes"
(visita acompañada por un/unha guía de 1 hora mínimo 5 pax)
Xeral: 12 €
De 12 a 18 anos: 5 €
Nenos/as ata 12 anos: 2,50 €

Consultar outros horarios e outras tarifas combinadas, reducidas e especiais.