Ir o contido principal

Iconas rusas. Presentación dunha colección

Iconas rusas

Recentemente a Xunta de Galicia vén de recibir un depósito en comodato, dunha importante colección con destino ao Museo das Peregrinacións e de Santiago que vai posibilitar un meirande aproveitamento social e cultural dun conxunto de titularidade privada que practicamente non se coñecía no ambiente museístico. Trátase dun conxunto de mais de 250 pezas, das que case a totalidade son iconas da escola rusa encadrables en tipoloxías e cronoloxías diversas, datables entre o século XV e o XX, cunha maior representación de iconas producidas ao longo do XIX, todas elas dunha alta calidade artística e dun importante valor cultural. A exposición é unha escolma de 35 iconas representativas da colección, que pretende dar a coñecer ao público a incorporación deste conxunto.

As iconas rusas recollen unha tradición secular, xa que son unha evolución do tipo de representación iconográfica que se inspira directamente nos arquetipos creados no mundo bizantino. Por outro lado, é innegable o seu atractivo como obras de arte, con representacións figurativas que mantiveron a súa estrutura, simbolismo e valores cromáticos case sen variación ao longo dos séculos.

“Iconas rusas. Presentación dunha colección”, que agora se presenta na sala de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións e de Santiago na Casa Gótica, (Rúa de San Miguel) é a antesala do que será unha grande exposición temporal que incluirá a totalidade da colección de iconas e que terá cabida na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, no edificio do antigo Banco de España na praza de Praterías.

Co conxunto de pezas depositadas neste museo compostelán pódese dicir sen ningunha dúbida, que estamos ante unha das mellores coleccións de iconas das existentes nestes momentos na Península Ibérica, do que esta mostra é un pequeno avance.