Ir o contido principal

Do 22 de febreiro ao 19 de maio do 2019 Homeless

Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965) leva dúas décadas experimentando coa linguaxe da pintura. A artista tentou redefinir os termos e os límites do medio desde que comezou, centrándose na pintura como obxecto e en termos do que ela pode representar. De la Cruz desenvolveu unha linguaxe específica que lle permite dotar os seus cadros dunha calidade escultural, borrando os límites entre a pintura e a escultura, utilizando indistintamente cada unha delas segundo o que queira expresar e a necesidade de cada obra. Como ela mesma dixo, “é unha escultura que utiliza a linguaxe da pintura e viceversa. É unha pintura e unha escultura”.

Os mobles domésticos —cadeiras, mesas e armarios— estiveron presentes na súa obra, e nos últimos anos ampliou o seu vocabulario pictórico co uso do aluminio e a súa elasticidade. A súa linguaxe artística utiliza o humor nos seus títulos para presentarnos obras impactantes que combinan a tensión formal cunha presenza emocional máis profunda.

Esta exposición propón un percorrido polo traballo realizado entre os anos 1996 e 2018, creando asociacións entre obras das distintas épocas. Toma o seu título dunha das primeiras obras que realizou a artista rompendo o bastidor, Homeless (Sen teito, 1996). Como o seu título indica, alude á condición da xente sen fogar que leva ao lombo as súas pertenzas e recordos. Xente que vemos ciclicamente na nosa sociedade, nestas décadas de tránsito global que estamos a vivir debido aos conflitos bélicos e a cuestións políticas, económicas, sociais e culturais.

Esta exposición é unha coprodución do CGAC e Azkuna Zentroa en Bilbao e está comisariada por Carolina Grau.