Skip to main content

Santiago Cathedral Museum

Santiago Cathedral Museum

The museum

O Museo Catedral de Santiago permite ao visitante afondar no coñecemento da historia e da arte da Catedral, a través dos seus diferentes espazos e as exposicións temporais que organiza.

As diferentes modalidades de visita centralízanse no Centro de Recepción de Visitantes, situado na fachada do edificio claustral, anexo á catedral, na Praza do Obradoiro.

Colección permanente. Unha visita á historia e á arte da Catedral de Santiago a través das súas mellores pezas artísticas. O visitante pode viaxar no tempo e coñecer como a partir dun sepulcro se constrúe unha gran catedral en torno á cal, ao longo dos séculos, foi crecendo unha cidade e todo un fenómeno xacobeo que, co Camiño de Santiago, xogou un importante papel na construción da identidade europea e que é, dende 1985, Patrimonio da Humanidade.

Na planta baixa: as orixes da Catedral, o coro pétreo do Mestre Mateo, a construción da catedral románica. A planta primeira dedícase a arte na Catedral dos séculos XIII ao XVIII e ao Apóstolo Santiago. Na planta segunda pode visitarse o claustro renacentista, a Capela das Reliquias, o Panteón Real, o Tesouro da Catedral, a Biblioteca capitular, o Botafumeiro e a Sala Capitular. Na planta terceira está a colección de artes téxtiles e os tapices de Rubens, Teniers, Real Fábrica de Tapices de Madrid e de Goya.

O Pazo de Xelmírez é un edificio medieval, de carácter civil, anexo á Catedral e que debe o seu nome a Diego Xelmírez, primeiro Arcebispo de Compostela e grande impulsor da súa construción. Pódese visitar a Sala de Armas, a Sala Manrique, a Cociña e, especialmente, o Salón de Cerimonias, de grandiosa monumentalidade e bela ornamentación con ménsulas historiadas nas que se representa un banquete real. Na planta superior atópase actualmente o espazo monográfico dedicado ao Mestre Mateo e ao seu proxecto na catedral, introducindo ao visitante no Pórtico da Gloria. Ademais, no resto de espazos abertos ao público, o Pazo de Xelmírez acolle as exposicións temporais que organiza o Museo, ás veces en colaboración con outras institucións culturais.

Pórtico da Gloria. É a entrada occidental da catedral románica, ideada polo xenio do Mestre Mateo cuxo obradoiro de canteiros interpretou en pedra as pasaxes da Apocalipse. Considérase unha obra cumio da arte universal. A visita ao Pórtico realízase a través do Museo, dentro do programa de visitas temáticas que organiza, aplicándose deste xeito un protocolo de conservación preventiva necesario para a conservación do conxunto tras a súa complexa restauración, que foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié.

Cubertas. A cuberta pétrea da Catedral de Santiago está disposta en forma graduada e pódese percorrer, ofrecendo unhas panorámicas espectaculares tanto da basílica coma da cidade de Compostela. A visita ás cubertas, que se realiza en grupos guiados reducidos, inclúe tamén o acceso á Torre da Carraca.

Escavacións arqueolóxicas. No subsolo da Catedral, as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en diferentes períodos deixaron ao descuberto moitos vestixios das orixes da basílica e da cidade. Baixo o pavimento escóndese unha intricada rede da necrópole que se sucede dende época romana ata o momento da construción da catedral románica, así como restos das primitivas basílicas e parte da primeira liña defensiva da cidade de Compostela. A súa visita está restrinxida.

www.museocatedraldesantiago.gal

Catedral de Santiago de Compostela. Praza das Praterías, s/n
15704 , Santiago de Compostela

Tlf. 981 552 985 / 981 569 327
museo@catedraldesantiago.es

Horario

De luns a domingo: de 10:00 h a 20:00 h.


Tarifas

Colección permanente do museo:
Entrada xeral: 6 €
Tarifa reducida: 4 €
Pórtico da Gloria:
Visita guiada tarifa xeral + colección permanente: 12 €
Visita guiada tarifa reducida + colección permanente: 10 €
Visita libre: 3 €
Cubertas:
Visita guiada tarifa xeral: 12 €
Visita guiada tarifa reducida: 10 €
Consultar outras tarifas combinadas, reducidas e especiais na páxina web do Museo